Monday 13 de May de 2024

O Concello de Frades aproba unha bonificación do 95 % no IBI das granxas


O tipo de gravame dos inmobles de natureza urbana rebáixase desde o 0,6 % ata o 0,45 %, un dos máis reducidos dos Concellos da contorna

O pleno de Frades aprobou hoxe o establecemento dunha bonificación do 95 % no Imposto de Bens Inmobles (IBI) para as edificacións nas que se desenvolven actividades agrarias e gandeiras do sector primario. A modificación da ordenanza fiscal municipal que rexe este imposto en Frades foi aprobada co voto a favor do PP e a abstención do BNG.

Unha vez entre en vigor o cambio da norma, as persoas interesadas terán que solicitar a bonificación no Concello, co fin de obter unha declaración de ser inmobles de especial interese ou utilidade municipal, fundamentada en circunstancias sociais, económicas e de emprego, xa que a gandeiría é a principal actividade económica de Frades.

Canda a solicitude, deberase presentar o certificado de Facenda que recolla a situación censal da persoa solicitante, a acreditación da titularidade catastral do inmoble, o certificado de non ter débedas tributarias, e o xustificante do recoñecemento de explotación ou licenza da actividade. Examinada a documentación, será a Xunta de Goberno Local do Concello a que aprobe a bonificación.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou no pleno que “desde o goberno estamos facendo todo o posible dentro do noso ámbito competencial para que os nosos gandeiros poidan obter a máxima bonificación posible no IBI das súas explotacións”. Neste sentido, anunciou que, en canto entre en vigor o cambio da ordenanza, o Concello informará a toda a poboación para que poidan solicitar as bonificacións.

Outro dos cambios introducidos na ordenanza do IBI consiste na redución do tipo de gravame para os inmobles de natureza urbana, que pasa do 0,6 % ao 0,45 %. Os inmobles de natureza rústica continuarán tributando no tipo do 0,3 %. O alcalde de Frades efectuou un repaso polas ordenanzas dos demais municipios da contorna e constatou que os de Frades son os tipos de IBI máis reducidos de todos eles.

Ademais, Rey solicitoulle á oposición que non intente facer demagoxia sen fundamento con esta cuestión, dado que “o BNG dá a entender por aí que se está creando un novo imposto, cando en realidade imos reducir no 95 % a contribución das explotacións e ao mínimo que podemos a das vivendas, que os veciños pagan desde sempre”. O alcalde tamén lle tivo que aclarar á oposición que “a actualización dos valores catastrais non é unha competencia municipal e estase facendo en todos os Concellos periodicamente”.

Reclamación á Consellería e ao Ministerio e apoio á tractorada do 21 en Ordes
Por outra parte, o pleno aprobou por unanimidade unha reclamación sobre o sector leiteiro dirixida tanto á Consellería do Medio Rural e do Mar como ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. O texto empraza a estas administracións a tomar as medidas necesarias para “que se garanta unha adecuada construción de prezos na cadea de valor do leite”, de maneira que os gandeiros non se vexan obrigados a cobrar a prezos ruinosos que os aboquen ao peche das explotacións.

Neste sentido, demándase que se cumpran os contratos de compravenda, con garantía de recollida, e que se aplique estrictamente o chamado paquete lácteo, evitando que se venda leite ao consumidor a perdas utilizándoo como produto-reclamo e banalizándoo.

O alcalde, Roberto Rey, lembrou que o Concello de Frades está apoiando todas as iniciativas que está tomando a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, integrada por sindicatos, organizacións de produtores de leite (OPLs) e outras entidades. Por iso, o Concello tamén informará e animará a participar na protesta programada para o 21 de agosto en Ordes, consistente nunha tractorada e na invitación ao peche solidario de establecementos doutros sectores durante dúas horas.

Rey agarda que as reivindicacións do sector sexan tidas en conta e que “os nosos gandeiros teñan canto antes solucións para os seus problemas porque estamos falando da principal fonte de riqueza de Frades e de numerosos postos de emprego tamén de xente nova, que nos últimos anos apostou por investir e innovar no sector e non debe verse agora abocada a deter a actividade”.

Modificación do orzamento
Por último, de maneira unánime, o pleno acordou unha modificación do orzamento municipal deste ano. Trátase dun cambio técnico para adecuar distintas partidas a subvencións de gasto e de investimento recibidas doutras administracións, e tamén para reflictir a necesidade de acometer diversas obras hidráulicas que non estaban previstas a comezos de ano pero que a falta prolongada de precipitacións aconsella executar.

Recoñecemento á secretaria municipal
A sesión rematou cunhas palabras de recoñecemento e agradecemento á secretaria municipal, Mila Sexto Carballeiro, para a que este foi o seu derradeiro pleno antes da xubilación, tras 34 anos ao servizo do Concello de Frades. Todos os integrantes da corporación dedicáronlle un aplauso polo seu labor durante todo este tempo.